Biblioteca Franciscana - Provincia de Santiago

Novas e eventos

Novidades, conferencias...

Obra do mes. Novembro 2024. Memoria redactada por la Sociedad Económica de Amigos del País ...

titulo
Memoria redactada por la Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, sobre la conveniencia pública de fijar en este Pueblo la residencia de las Autoridades Superiores de Galicia y las especiales de la Provincia de la Coruña. 

Impresa en Santiago pola Viuda e fillos de Compañel no 1842.

Contexto e contido

A desarticulación do poder económico do clero, e o novo modelo de sociedade do liberalismo como alternativa ao Antigo Réxime, fixo que Santiago perdese poder político ao pasar de ser a primeira cidade de Galicia a ser cabeza dun partido xudicial, aínda que a conflitividade do asentamento da Audiencia de Galicia en Coruña ou Santiago remóntase xa ao século XVI.

O réxime liberal, cumprindo o mandato da constitución de 1812 no que se pide “unha división máis conveniente do territorio español”, deseña a nova división administrativa de Galicia, así, en 1813 Felipe Bauzá e Cañas presentou un proxecto no que Galicia aparecía como unha provincia de primeira orde cun xefe político en Coruña e catro subalternos en Santiago, Lugo, Ourense e Tui. Tras a restauración do absolutismo en 1814 retómase o proxecto encargado a Bauzá e a Larramendi en 1821 onde Galicia aparecía dividida en catro provincias: Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.




Os criterios deste proxecto presentado nas Cortes tiñan uns obxectivos sometidos a outros intereses políticos:

1. Evitar que as novas unidades administrativas coincidan coas anteriores, de maneira que se dispersase a posible resistencia dos empregados do Antigo Réxime, e que o pobo perdese a memoria histórica das antigas divisións asumindo as novas. Así, a desmemoria empezaría no momento en que as circunscricións administrativas, con novos, nomes, aclimatásense á vida cotiá.

2. Xustificar os nomeamentos de novos empregados da administración -militantes do liberalismo-, para cesar aos anteriores xustificando que perderan a base territorial para os que se lles nomeou.

3. Premiar ás cidades que apoiaron o movemento liberal.

                                                                       
 
Para lograr o obxectivo, non se permitiu nas Cortes discutir en bloques, desde a unidade de Galicia ou de Cataluña, senón por rigorosa orde alfabética de provincias, de maneira que se perdese a visión de conxunto do territorio e conseguísese impoñer o criterio político, para “castigar” o peso ideolóxico do absolutismo representado polo arcebispo, o cabido, o clero, e un sector da fidalguía.

En 1833, baixo a dirección da Raíña Rexente, España inicia a súa andaina de réxime liberal, sabendo que Santiago é o foco da subversión carlista, o Goberno e as Cortes liberais non están dispostas a conceder a Santiago a capitalidade provincial, e premia a Coruña, cuxa burguesía sufragou os gastos do levantamento liberal. As consecuencias son unha economía bloqueada e poboación estancadas en Compostela.

A memoria que presentamos, é a defensa da Sociedade Económica de Amigos do País da cidade de Santiago sobre a conveniencia de establecer en Santiago a residencia das autoridades de Galicia e Coruña no ano 1842, expoñendo as razóns de situación topográfica, medios de subsistencia e o peso da historia que posicionan a Santiago como preferente para ser a capital administrativa.
 
 

A realidade é ben distinta, e o concello asume a responsabilidade de potenciar os dous piares que permitirán o mantemento e progreso da cidade: o Apóstolo Santiago e a Universidade.

1. O Apóstolo Santiago obtén entidade propia e capacidade movilizadora de sentimentos relixiosos ademais de apoio económico e político, cunha nova imaxe evanxelizadora, de apóstolo peregrino e pobre máis próximo ás necesidades e sentir do momento.

2. Á Universidade, vella como unha fonte de ingresos, ademais de achegar prestixio. Así xorde a relación sociedade compostelá e mocidade universitaria, a novidade e xovialidade da tuna estudantil, as pensións de estudantes como a Casa da Troia, ou o negocio das fondas e hostais para a hospitalidade de viaxeiros e peregrinos.

Bibliografía

PORTELA SILVA, Ermelindo, coord. (2003): Historia da cidade de Santago de Compostela. Santiago, Concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela.





 
Provincia Franciscana de Santiago
Liceo Franciscano
Editorial El Eco Franciscano
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Copyright © 2018 Biblioteca Franciscana - Todos os dereitos reservados | Privado - Aviso legal - Política de privacidade - Cookies // Web realizada por Ikono.es

Ir arriba