El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria, por Manuel Murguía. Exemplar publicado en Madrid en 1884.
Manuel Martínez Murguía foi un historiador e escritor, considerado o impulsor do Rexurdimento galego xunto coa súa muller Rosalía de Castro, e creador da Real Academia Galega. Estudou Humanidades e Latín en Santiago de Compostela, así como a preparatoria de Farmacia por desexo do seu pai, pero que abandonou para dedicarse á escritura e á investigación.
Nesta obra, Murguía fai unha recompilación de pintores, escultores, retablistas, arquitectos, ferreiros, bronceiros, ourives, gravadores galegos, ademais de ordenar alfabeticamente a lista de artistas composteláns, rematando coa escola de debuxo compostelá onde se formou a súa filla primoxénita - Alejandra Teresa, a quen lle dedica o libro-, sendo a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago o primeiro centro galego en ofrecer formación formal de debuxo en 1835.
Unha filla que tivo que abandonar o mundo da arte e o seu traballo como compiladora de literatura de tradición oral, como tantas mulleres dada a súa condición feminina, para asumir o papel de coidadora familiar tras a morte da súa nai Rosalía de Castro.
Destacamos a dedicatoria manuscrita de Murguía ao seu amigo Luís Rodríguez Seoane, médico, escritor e político, que formou parte dunha xeración de escritores que impulsou o renacemento literario de Galicia, entre os que se atopaban o matrimonio Manuel Murguía e Rosalía de Castro.
Posiblemente, a relación entre Murguía e Luis Rodríguez Seoane forxouse como compañeiros de estudo en Santiago de Compostela, ademais de frecuentar círculos de amigos galegos na vida sociocultural da época.
Bibliografía
CARBALLAL MIÑÁN, Patricia. “Unhas liñas para Alejandra Murguía. Algúns aspectos sobre o seu papel de compiladora de literatura de tradición oral e artista”. En
Follas Novas: revista de estudos rosalianos, 6, 2021 [consulta: 3 de mayo de 2024],
https://follasnovas.rosalia.gal/wp-content/uploads/2022/02/ArtigoPatricia.pdf
Real Academia de la Historia. “Luis Rodríguez Seoane”. [consulta: 3 de mayo de 2024],
https://dbe.rah.es/biografias/53237/luis-rodriguez-seoane
Real Academia de la Historia. “Manuel Antonio Martínez Murguía”. [consulta: 3 de mayo de 2024],
https://dbe.rah.es/biografias/27159/manuel-antonio-martinez-murguia