Biblioteca Franciscana - Provincia de Santiago

Novas e eventos

Novidades, conferencias...

Obra do mes de Febreiro 2024. O Devoto Peregrino en Terra Santa, 1666

titulo

Antonio del Castillo. El Devoto Peregrino en Tierra Santa. París, 1666. 


Adrover Fernández, Tania
Freire Fontaina, Alba
Rodríguez Fraga, Daniel
Vázquez Mosquera, Paula
(Graduados en Historia e Historia da Arte
pola Universidade de Santiago de Compostela)
 

CONTEXTO 

As viaxes de peregrinación a Terra Santa —Itinera ad Tola Sancta— constituíron un xénero popular na literatura española dos séculos XVI e XVII nun momento en que a atención se concentraba en Occidente, o Novo Mundo. 

O obxectivo destas obras difire do resto de libros de viaxes, estes itinerarios atopábanse guiados polos feitos da vida de Jesús e os apóstolos, Xerusalén constituía a reliquia máxima para o cristián. Así, O Devoto Peregrino en Terra Santa entra dentro destas grandes compilacións viaxeiras levadas a cabo polas ordes monásticas sobre as súas peregrinaxes, e pode ser considerada unha das máis relevantes de toda a historia da imprenta española, polo seu impacto e legado.  

A obra foi escrita por Antonio do Castillo, frade franciscano nado en Málaga e adscrito á escisión do franciscanismo descalzo ortodoxo no ano 1623. En pleno aumento da afluencia de peregrinos devotos, especialmente a partir do ano 1517 e a configuración da Provincia da Custodia de Terra Santa, a Xerusalén, Antonio do Castillo levou a cabo a súa peregrinaxe con fins confesionais e didácticos. Á súa volta a España, co obxectivo de sufragar os gastos da Custodia a través da esmola mendicante, escribiu e publicou O Devoto Peregrino en Terra Santa. Esta obra chegou a alcanzar enorme difusión, tal e como demostran as súas numerosas edicións posteriores, como a conservada na Biblioteca do Convento de San Francisco, pertencente a Don Pasqual de Aragón e editada en París no ano 1666.  

O Devoto Peregrino en Terra Santa consta de tres partes, a primeira coa descrición de Xerusalén, a segunda coa de Palestina, e a terceira coa zona de Galilea e a cidade de Damasco. Ademais das minuciosas narracións descritivas dos lugares percorridos, tamén conta coa exposición de información complementaria, tal como ocorrencias anecdóticas, consellos ou a posta por escrito das tradicións e costumes dos pobos que habitan Terra Santa.


 

Grabado explicativo e panorámico da ciudade de Xerusalén

 

PATRIMONIO ARTÍSTICO DA OBRA 

A través das súas páxinas preséntansenos diferentes enclaves de Xerusalén cuxo análises é de gran importancia para a Historia da arte, acompañando gravados de enorme calidade artística e cartográfica con exhaustivas descricións que poñen en valor o patrimonio arquitectónico. A información compleméntase con planos urbanísticos, ilustracións ou mapas.  

Tanto os gravados intercalados no texto como os das follas encartadas son gravados calcográficos. A súa procedencia atribúese a obras anteriores, como Il devotissimo viaggio dei Gerusalemme de Jean Zuallart ou o Itinerarium Hierosolymitanum et Syriacum de Jan van Cotwyk. Os ferros serían adquiridas en Anveres. Coñecemos o nome dun das gravadores grazas ao intercambio de cartas coa imprenta; Philip Fruytiers, quen se atopaba traballando en cinco láminas co obxectivo de perfeccionalas. Resulta evidente o esforzo contido nas diversas edicións realizadas, Antonio do Castillo priorizaba a imaxe #ante a palabra. Como exemplo seleccionamos o plan urbanístico de Xerusalén e o Santo Cenáculo.  

Esta edición de París cambia materialmente respecto a a española, en aspectos como o frontispicio, estampas novas, unha letra renovada ou un papel de maior calidade. A autoría destas estampas é descoñecida, o único nome que se chega a coñecer é o do gravador Philip Fruytiers, aínda que todas réxense pola condición imposta de Antonio do Castillo de que en cada estampa debe atoparse polo menos un frade franciscano.[1]

Atopamos o plan urbanístico de Xerusalén, unha cidade amurallada e irregular, onde destacan dúas vías principais que parten da porta de Damasco, unha das cales comunica directamente co mercado, esta coñeceríase como Vía Dolorosa e sería a rúa principal. O autor resalta máis dun centenar de localizacións que serán de interese para o peregrino tanto intramuros como extramuros, destacando o Templo de Salomón.   

Podemos apreciar como o autor dota de referencias anecdóticas relacionadas con pasaxes veterotestamentarios, como é o exemplo que atopamos na zona inferior esquerda do gravado, onde se pode apreciar a morte de Judas Iscariote.


 

Fragmento do grabado do plan urbanístico de Xerusalén 
 

Para que sexa máis sinxelo poder entender certos lugares sinalados polo autor acompáñaos da representación dos feitos, como é o caso da lapidación de San Esteban, protomártir do cristianismo.
 

Fragmento do grabado do plan urbanístico de Xerusalén 

 

Ademais, dunha fiel representación da cidade de Xerusalén atopamos no primeiro capítulo do Libro III cinco gravados de menor tamaño, onde se representan distintas cidades por onde o peregrino pasaría ao longo da súa viaxe. Atopamos a cidade portuaria de Jaffa, Roma, Galilea, Anatoth e o Val de Ela. Estes son relevantes e ponos en relación con pasaxes da Biblia, Jaffa é denominada Joppen coñecida por ser o porto máis próximo a Xerusalén e onde o embarcaría Jonás, Galilea denomínaa como a cidade do Bo Ladrón, Anatoth estaría en relación co lugar de nacemento de San Jeremías, por último, temos o Val de Ela que na Biblia denomínase Valle de Terebinto e é onde acontecería a vitoria de David sobre Goliath. 
 

Grabado da ciudade de Jaffa 
 

 

Ademais, podemos atopar planimetrías de distintos edificios, un deles é o Santo Cenáculo. Lugar onde se celebrou a Última Cea, está situado nos arredores da abadía de Hagia Sión, no monte Sión, construída na segunda metade do século IV.  Foi incendiada polos persas no século VII e restaurada. Volva ser danada polos árabes e será no século XII, cando os cruzados chegan a Terra Santa, cando volve ser reconstruída. Agora chamada Santa María do Monte Sión.  

O Cenáculo está situado na nave sur da igrexa e conta con dous pisos, cada un dividido en dúas capelas: institución da Eucarística e vinda do Espírito Santo no superior; e lavatorio dos pés e aparicións de Jesús resucitado no inferior.  Reconstruído a finais do século XII nun gótico temperán. Tratábase dunha sala de forma rectangular austera, dividida en seis tramos cubertos por bóvedas de crucería. Estas están sustentadas por columnas decoradas con capiteis corintios do século XII. A parte oriental está dedicada ao altar e ao coro.  

Os frades franciscanos obteñen a súa custodia a partir de 1335 e fundan un convento e un albergue de peregrinos. En 1570, serán expulsados e o Cenáculo converterase en Mezquita. Segundo Frei Antonio do Castillo, aos franciscanos cédeselles neste momento o convento de San Salvador que será o lugar onde se outorguen as indulxencias de os Sumos Pontífices. No Cenáculo consérvanse elementos do pasado árabe como xanelas otomás con vidreiras de cores azuis e amarelos con inscricións árabes.  
 

Grabado da planta do Cenáculo de Xerusalén 

 

BIBLIOGRAFÍA 
 

BOUZA, Fernando (2018). «Vuelve los ojos a la Tierra Santa: estrategias visuales y lectoras en torno a las ediciones de El devoto peregrino de fray Antonio del Castillo (1654–1666)». Revista Hispánica moderna, vol. 71 (2), pp. 113-129. 
 

DE LAMA DE LA CRUZ, Víctor (2019). «Los viajes a Tierra Santa en los Siglos de Oro: entidad y fortuna de un género olvidado». Revista de Filología Española, pp. 89-112. 
 

EIJÁN, Samuel (1941). El cenáculo de Jerusalén: Primer santuario eucarístico en poder de infieles. Santiago de Compostela: El Eco Franciscano. 
 

RIVAS REGAL, Alba et al. (2019). «Siguiendo la huella franciscana en Tierra Santa». Liceo Franciscano, n. 212 (Enero-Junio 2019), pp. 149-170.  


[1] BOUZA, F. (2018). «Vuelve los ojos a la Tierra Santa...». Revista Hispánica moderna, vol. 71 (2), pp. 121-124.

  

Provincia Franciscana de Santiago
Liceo Franciscano
Editorial El Eco Franciscano
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Copyright © 2018 Biblioteca Franciscana - Todos os dereitos reservados | Privado - Aviso legal - Política de privacidade - Cookies // Web realizada por Ikono.es

Ir arriba