Biblioteca Franciscana - Provincia de Santiago

Novas e eventos

Novidades, conferencias...

Achado de catro incunables na Biblioteca Histórica da Provincia Franciscana de Santiago

titulo
Achado de novos incunables na Biblioteca Histórica da Provincia Franciscana de Santiago

Tras localizar e reunir a colección de 72 incunables custodiados na Biblioteca Histórica da Provincia Franciscana de Santiago, xa inventariados en 1978, descubríronse outros catro dos anos 1485 e 1497.

    Co termo incunable denomínase aos libros impresos antes do 1 de xaneiro de 1501, que fai referencia ás obras producidas nos inicios da imprenta que aínda estaba “no seu berce”, de maneira que se puidese fixar o texto para o intercambio de coñecementos na cultura occidental. Trata de imitar o manuscrito, polo que segue as mesmas características: tipo de letra, ocas e espazos para iluminación, letras a man, sen portada, ou estas son escasas etc., pero si achegou a consagración do papel sobre o pergamiño, e pronto incorporou ilustracións xilográficas.

    A Biblioteca Histórica da Provincia Franciscana de Santiago conta cunha colección de 76 incunables, incluíndo o achado doutros catro sen rexistrar, nin catalogar, que damos a coñecer agora. Desta colección, a maior parte dos incunables proceden de imprentas europeas en Lyon, Venecia ou Basilea. Outros, representan importantes imprentas españolas, como a de Antonio de Nebrija, Guillén de Brocar ou, menos coñecido, o impresor toledano Antonio Téllez.

    Para coñecer a orixe do patrimonio bibliográfico conservado na Biblioteca do Convento de San Francisco de Santiago debemos remontarnos ao século XIII cos primeiros estudos teolóxicos. A primeira noticia da tradición libraría dos franciscanos en Compostela, aparece nun manuscrito conservado na Biblioteca Vaticana datado en 1236 cunha listaxe de manuscritos en préstamo do palacio arzobispal de Don Bernardo II.

No século XVI os franciscanos de Santiago contan con Colexio Teolóxico facilitando o incremento de fondos bibliográficos, tanto en calidade como en cantidade, grazas a doazóns de bibliotecas e principais figuras culturais de Santiago. Un traballo complexo e cheo de dificultades debido a que a Orde se acollía á estrita observancia que obrigaba á desapropiación total, tanto comunitaria, como individual. Coa ocupación de cátedras universitarias por parte dos franciscanos de Santiago no século XVIII, xorde un repunte no coidado e adquisición de libros que favorece o desenvolvemento da librería conventual, colocándoa á cabeza das mellores bibliotecas de Galicia.

Tras a exclaustración e desamortización de 1835, recupéranse parte dos fondos expropiados grazas á restauración do Convento en forma de Colexio de Misioneiros de Terra Santa e Marrocos en 1862. Desde entón, a Biblioteca Franciscana da Provincia de Santiago creceu con doazóns, novas adquisicións, bibliotecas procedentes doutros conventos e bibliotecas persoais dos frades. Na actualidade, custodia o Patrimonio bibliográfico e documental da Provincia Franciscana de Santiago e, como biblioteca histórica, está aberta ao público para a súa consulta en sala, estudo e investigación.

    A mencionada colección de 72 incunables foi inventariada por Francisco Cantelar Rodríguez en 1978; ao ano seguinte, o franciscano Isaac Vázquez Janeiro publicou a aparición dun volume con tres incunables sobre os Sermóns de San Vicente Ferrer, descoñecido ata a data.

Hoxe, incrementamos a colección co achado doutros catro incunables sen inventariar, rexistrar, nin catalogar. Dous co selo de procedencia do Convento de San Antón de Herbón e datados en 1497:

- Forma nouiciorum, do franciscano David de Augusta, impreso en Sevilla por Meinardo Ungut e Estanislao Polono. Contén o Tratado de imaxe de vida de San Buenaventura, franciscano, que trata sobre a meditación; Tratado do libro da vida de Jesús, e o Libro de Isaac de Siria, sobre a vida espiritual

- Explanatio Psalmorum escrito por San Agustín e impreso en Basilea por Juan de Amerbach. Son comentarios sobre os salmos por Agustín de Hipona, escritor, teólogo e filósofo cristián do s. IV.

E outros dous incunables publicados en 1485 procedentes da Congregación de San Mauro, de monxes benedictinos franceses coñecidos como “mauristas”, tal e como indica a anotación manuscrita nos exemplares:

- Vitae Pontificum de Bartolomeo Platina, humanista, escritor do renacemento italiano. Impreso por Juan Rosso de Vercelis en Treviso, como o seu nome indica trata a vida dos Papas, desde Pedro, apóstolo, ata Pablo II (1464-1471)

- Fasciculus temporum, vel Chronica ab initio mundo do cartuxo Werner Rolevinck, impreso por Erhard Ratdolt en Venecia, trátase dun compendio da cronoloxía universal, desde os inicios da creación do mundo e os seus personaxes principais ata Juan Bautista. Foi considerado como manual histórico, e continuado por J. Linforius desde os anos 1484 a1514.

    Poida que esta noticia do achado de catro novos incunables acóllase de maneira caprichosa e irrelevante, pero hai que incidir en que o interese dos incunables reside non tanto na obra en si mesma ou no seu autor, senón noutros datos que os singularizan, como poden ser as anotacións manuscritas do seu dono, a súa procedencia, selos etc. Representan o inicio da produción en serie de impresos accesibles que chegaron, en primeira instancia, ás familias e institucións máis podentes de Europa, e crearon, de forma lenta pero constante, as condicións dun cambio cultural que define a nosa forma de ver o mundo e afectou á sociedade a finais da Idade Media e inicios da Moderna.

    Os tórculos da imprenta, cuxa intencionalidade era comercial, produciron libros de foros, manuais, leis do reino, libros de historia e de medicina etc., onde se especificaban os roles na sociedade. Estes libros son un legado que recompilan todo tipo de materias nunha época que estaba a vivir moitos cambios. O coñecemento e divulgación do mundo clásico ao final da Idade Media, axudou excesivamente o empuxe tipográfico, abriu novas posibilidades para a arte e a cultura e provocou modificacións na Europa Moderna, con textos escritos na Italia prerrenacentista, inmersa xa na corrente humanística.

    Os incunables son moi prezados en todo o mundo polo coñecemento que achegan en torno ao desenvolvemento dos impresos e os intereses que guiaban os seus contidos: como se realizaban as publicacións naquela época, como e onde se comercializaban, que contidos interesaba dar a coñecer, entre outros. Por tanto, a súa catalogación e posta en valor debe ser acollido como coñecemento dun contido e materialidade do século XV que contrasta a nosa sociedade do século XXI. Non é para nada desatinado se entendemos que as humanidades e a súa reflexión farannos libres, a pesar de quen lle pese, pois tamén estamos a ser testemuñas da transformación social que supón a contorna dixital inmediata. Axudarannos a comprendernos e facernos mellores persoas. Só hai que aprender a pararse un pouco e desenvolver a capacidade dunha lectura crítica das cousas.
Provincia Franciscana de Santiago
Liceo Franciscano
Editorial El Eco Franciscano
Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Copyright © 2018 Biblioteca Franciscana - Todos os dereitos reservados | Privado - Aviso legal - Política de privacidade - Cookies // Web realizada por Ikono.es

Ir arriba